Masiva participación nas mobilizacións convocadas pola CIG en toda Galiza coincidindo coa folga xeral do 27-X

A central valora positivamente o paro, que contou cun importante seguimento en sectores como o transporte ou a industria.

Confederación Intersindical Galega (CIG) | Avantar / http://www.galizacig.com | 28-1-2011 a las 13:25 |

A CIG amosou hoxe a súa satisfacción pola masiva participación da clase traballadora nas distintas mobilizacións celebradas por todo o país coincidindo coa xornada de folga xeral convocada para rexeitar a reforma das pensións do Goberno español. A central estima que arredor de 80.000 persoas saíron á rúa nas principais cidades e vilas de Galiza nunha xornada histórica para o sindicalismo nacionalista galego ao conseguir sacar adiante o paro en sectores importantes a pesar do contexto de grave crise, do boicot dos medios de comunicación e do acoso policial.

A folga tivo un seguimento practicamente xeneralizado no transporte de viaxeiros e nos urbanos, na recollida do lixo e limpeza viaria, no sector naval, nas grandes obras da construción (como a ampliación de Peinador e Lavacolla ou o porto exterior da Coruña) e nos portos comerciais de Ferrol e da Coruña. Os polígonos do Campiño en Pontevedra, do Tambre en Compostela e algunhas empresas situadas nos de Vigo viron reducida a súa actividade, de igual xeito que na cidade olívica lle sucedeu a Citroën, que tivo que dobrar a quenda de noite (terían que rematar ás 5.00 horas e eran as 8.00 e aínda traballaban) para que a liña de produción non se vise afectada. Alén diso, cómpre salientar que o 40 % da quenda de mañá non entrou a traballar, arredor de 1.000 persoas.

Outras empresas importantes que se viron afectadas polo paro foron a ferrolana Navantia (cun paro do 40 % na empresa principal e do 60% nas auxiliares, mentres que en Fene o paro ascendeu case até o 90%), Celulosas de Pontevedra (arredor dun 50 %), Alcoa en San Cibrao das Viñas (sobre un 50 %) ou Zara Loxística, en Arteixo (outro 50 %). En Ourense rexistrouse un paro total nas compañías Roberto Verino e Faurecia.

No que respecta á administración local salienta o seguimento masivo que tivo a convocatoria nalgúns Concellos, como foi o caso do de Compostela, cun 80 % de paro. En canto ao ensino secundario, a adhesión á folga estivo entre un 60 e un 70 %. Finalmente, o sector onde o paro tivo unha menor repercusión foi no pequeno comercio e nas grandes áreas.

Vigo

Na comarca viguesa a xornada de folga comezou nos polígonos industriais pouco antes das dez da noite, horario no que daba comezo a primeira quenda de traballo da noite. Os piquetes desprezadas até o Parque Tecnolóxico de Valadares puideron comprobar cal sería a tónica do comportamento da Policía española durante toda a noite a ao longo do propio día 27: someter aos folguistas a un acoso que lles impedise desenvolver o seu labor informativo no acceso aos centros de traballo. A partir de entón sucedéronse as identificacións e practicáronse varias detencións, entre elas as de catro afiliados da CIG que xa quedaron en liberdade tras seren acusados de “intentar levantar unha barricada”.

Con todo, o paro tivo moita incidencia na cidade, tal e como se puido visualizar na masiva manifestación que percorreu as rúas do centro e na que participaron arredor de 40.000 persoas, unha cifra moi similar á do pasado 29 de setembro. Ao seu remate, tanto o secretario comarcal de Vigo, Serafín Otero, como o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, incidiron na importancia e contundencia da mobilización e non descartaron novas protestas ante “o maior ataque aos dereitos da clase traballadora en 40 anos”.

Nos estaleiros o seguimento da folga foi total, nun 70% nos autobuses urbanos (só funcionaron os servizos mínimos) e tamén completo na recollida do lixo e limpeza viaria (da empresa FCC). No mercado da froita tampouco houbo actividade por decisión dos traballadores despois dunha asemblea. A folga tamén se deixou ver de xeito notábel no sector da construción, afectando especialmente a grandes obras como as do aeroporto de Peinador ou aos traballos do Plan E.

A Coruña

A cidade da Coruña comezaba a folga ás 08:00 horas da tarde coa total paralización das obras do porto exterior, en Punta Langosteira. A imaxe do parón na obra pública máis grande da comarca repetiríase ao longo de todo esta xoves en cada unha das quendas de traballo. Ademais, a actividade quedou suspendida en Albada, o transporte interurbano e no porto comercial, mentres que en Zara Loxística rexistrábase un seguimento moi elevado do paro. Non obstante, o Secretario Comarcal, Paulo Carril puntualizou que a CIG favoreceu que continuara o resto da actividade pesqueira pola agónica situación que atravesa o sector, aínda que os movementos foron mínimos.

Por volta das nove da mañá arrancaba o piquete informativo do comercio dende o centro comercial Catro Camiños, ao paso do que ían pechando as tendas, mentres a cada volta se sumaba un número meirande de persoas, a pesar das ducias de policías que escoltaban a marcha. Era o sinal de que a manifestación, que poría remate ao piquete, rexistraría unha participación similar á da folga do 29 de setembro. E así foi, unhas 10.000 persoas percorreron as rúas da Coruña coa cidade ao berro de “Non á reforma das pensións”. A este respecto, Carril denunciou o papel xogado por CCOO e UGT neste novo ataque aos dereitos da clase traballadora e reivindicou ben alto a viabilidade do actual sistema público de pensións.

Ferrol

Dende a CIG de Ferrol subliñaron que a manifestación realizada hoxe na cidade é a máis numerosa das que se recorda na comarca nos últimos tempos, cunha participación que chegou ás 8.000 persoas. O dato sustenta a positiva valoración que fixeron dende a Unión Comarcal desta xornada de paro, na que se conseguiu paralizar a recollida de lixo e a limpeza viaria de Ferrol e Narón, os servizos de transporte urbano e diversas empresa do sector da construción e madeira e do metal (como Privilege ou Maderas Fernández.

Sobre a incidencia da folga, o voceiro comarcal, Manel Grandal, destacou especialmente a resposta á convocatoria por parte dos traballadores e  traballadoras dos estaleiros públicos, de xeito que en Navantia Fene se acadou un 90% de seguimento e en Navantia Ferrol na empresa principal o paro xirou arredor do 40%, pero nas auxiliares o seguimento superou o 60%. Ademais, un volume importante de traballadores e traballadoras saíu do estaleiro para unirse á manifestación da CIG. E iso, incidiu Grandal, malia haber representantes de UGT e de CCOO que estiveron facendo o labor de contra piquetes.

Pola súa banda, as Federacións da área pública da CIG (Administración, Sanidade e Ensino) organizaron un piquete informativo propio que durante toda a mañá estivo percorrendo os centros dependentes da administración animando aos traballadores e traballadoras do sector público a secundar a folga. O piquete levou faixas na denfesa do emprego público, contra da rebaixa salarial que se lle ten aplicado a este colectivo e contra da política de privatización dos servizos públicos (sanidade, servizos sociais ou a educación) practicada polo goberno da Xunta.

O voceiro comarcal, Xesús Anxo López Pintos, apuntou que a central sindical demostrou hoxe que “non fallou á clase obreira e foi quen de pór a disposición da clase traballadora toda a ferramenta do sindicato”. Nesta liña tamén criticou con dureza o acordo asinado por CCOO e UGT, atendendo así as demandas dos gobernos, ao servizo do capital financeiro.

A respecto da presenza policial, subliñaron que se ben a de hoxe foi a manifestación máis numerosa, tamén foi a folga con máis presenza policial dos últimos anos. De feito a policía identificou a todos os piquetes informativos durante toda a noite e a mañá.

Carga en Odeón

Desafortunadamente, na comarca produciuse unha carga policial inxustificada contra un piquete que estaba realizando a súa labor informativa nun concesionario de vehículos situado en fronte ao centro comercial Odeón. Para maior sorpresa da CIG, non só a policía arremeteu contra os/as folguistas, senón que mesmo un vixiante de seguridade do complexo comercial saíu fóra do seu centro de traballo para “colaborar” na carga policial. Este vixiante golpeou a unha compañeira cunha porra extensíbel, causándolle unha fenda na cabeza.

Dende a CIG de Ferrol xa adiantaron que presentarán denuncia xudicial o garda de seguridade, para que, pola gravidade que reviste a súa actuación totalmente ilegal, se adopten todas as medidas que correspondan.

Lugo

Na cidade da muralla a folga arrincaba coa ausencia da recollida de lixo, coa paralización da estacións de autobuses e cunha incidencia no seguimento no Polígono do Ceao semellante á rexistrada na folga de setembro. Non obstante, o Secretario Comarcal, Xosé Ferreiro, puña o punto de mira na desmesurada presenza policial que acompañou aos piquetes durante toda a xornada, que mesmo procedeu a identificar aos folguistas que estaban pegando cartaces relativos ao paro xeral.

Ferreiro destacou o feito de que moitos traballadores/as do comercio cos que falaron durante o piquete informativo comentasen que tiñan que chamar ao seu xefe ou xefa para poder pechar e acudir á folga. Esta situación, apuntou, é sintomático do moito que aínda nos queda por avanzar na loita polos dereitos da clase traballadora.

Aínda así, mostrouse satisfeito pola participación acadada na manifestación deste mediodía, unhas 2.500 persoas, asegurando que “é a mobilización máis multitudinaria que a CIG convocou en Lugo”. Tanto que, ao igual que noutras cidades, contou coa presenza de xente afiliada ou afín a CCOO.

Despedido por acudir á folga

A nota negra da folga en Lugo  púxoa na xornada do mércores o despedimento dun traballador, en clara vulneración dos seus dereitos, de Conxelados Sariego (Rábade) por anunciar a súa intención de acudir á folga e animar aos seus compañeiros/as a seguir o seu exemplo. Dende a CIG de Lugo denunciouse este tipo de actuacións do empresariado e xa anunciaron que a central sindical vai recorrer o despedimento e utilizará todos os medios ao alcance para conseguir que o traballador sexa readmitido.

A Mariña

Especial significado tivo a incidencia da folga na Mariña Lucense, xa que unha das empresas emblemáticas, Alcoa San Cibrao, só tivo operativos os servizos mínimos, mentres que a actividade das auxiliares estivo completamente suspendida.

Así mesmo, a acción policial tamén se fixo sentir, e o piquete informativo despregado en Viveiro permaneceu inmobilizado durante máis de media hora polas forzas de seguranza, que se adicaron a identificar a todos/as os/as folguistas.

Ourense

O secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, valorou moi positivamente a incidencia da folga non só na capital da provincia senón tamén en vilas como Xinzo e Verín. Neste sentido, salientou que no transporte urbano só saíron os servizos mínimos e que se paralizaron tanto a limpeza viaria como a recollida de lixo.

Alén diso, cifrou a incidencia da folga nos polígonos industriais nun 50% cun paro total na súa actividade de empresas tan importantes como Faurecia, no polígono de San Cibrao das Viñas.

A actividade comercial estivo paralizada durante toda a mañá e constatouse un seguimento do paro entre o estudantado tanto da FP como dos institutos.

Respecto da manifestación salientou a elevada participación, que superou a da folga xeral do 29 de setembro e o activo apoio de organizacións como o BNG, IU, Galiza Nova, a CGT, o sindicato ferroviario, o SLG e FRUGA, entre outras.

Compostela

En Compostela, e segundo explicou o secretario comarcal da CIG, Anxo Noceda, o piquete puido constatar que contra as 9:30 horas, a incidencia da folga no polígono do Tambre estaba entre un 60 e 70%. Pecharon ademais empresas relevantes na cidade como a Papeleira de Brandía, Tórculo ou Cespa.

Noceda tamén salientou que a actividade no aeroporto estivo paralizada, ao igual que as obras de ampliación de Lavacolla.

Respecto da administación, falou dunha incidencia variábel, e superior á da folga do 29 de setembro, no concello. Na Sanidade sinalou unha participación “nos parámetros da última folga” e unha importante incidencia no comercio.

Para o secretario comarcal da CIG de Compostela foi especialmente relevante a participación, de máis de 5.000 persoas, na manifestación que saíu da praza Roxa pasadas ás 12:30 e que abarrotou a Praza de Praterías, até o punto de que parte dos manifestantes non cegaron sequera a acceder á praza.

As Pontes Os compañeiros e compañeiras das Pontes foron os encargados de dar o punto de saída das mobilizacións convocadas pola CIG hoxe en todo o País. Ás 10:30 horas unhas 200 persoas concentrábanse na Praza do Hospital para amosar o seu rexeitamento á reforma das pensións e ao preacordo entre os sindicatos e o goberno español, que poucas horas antes se tiña anunciado nos medios de comunicación.   Tras da protesta, explicaba o responsábel da Unión Local, Alberte Amado, iniciouse unha caravana integrada por uns 40 vehículos que trasladaron a mensaxe contra as regresivas medidas do goberno por todas as localidades por onde pasaron antes de sumarse á manifestación da CIG en Ferrol.

Cee

Na zona de Cee o seguimento da folga resultou semellante ao acadado na pasada folga de setembro. Desta volta, apuntou o responsábel local, Xabier Santos, tamén se organizou unha concentración, na que tomaron parte arredor de 300 persoas, que ademais recibiron o apoio do comercio local, que pechou as súas portas ao inicio da protesta para trasladar a súa conformidade coas reivindicacións da CIG.

Accede á galería de imaxes das mobilizacións.

Accede á outra galería de imaxes das mobilizacións.

Accede á galería de imaxes dos piquetes.

www.galizacig.com/avantar

.

kaosenlared.net


Advertisements

Deixa un comentari

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

Esteu comentant fent servir el compte WordPress.com. Log Out / Canvia )

Twitter picture

Esteu comentant fent servir el compte Twitter. Log Out / Canvia )

Facebook photo

Esteu comentant fent servir el compte Facebook. Log Out / Canvia )

Google+ photo

Esteu comentant fent servir el compte Google+. Log Out / Canvia )

Connecting to %s

%d bloggers like this: